| |
A talasoterapia como motor de desenvolvemento sostible para Galicia Proxecto de Investigación PGIDIT06CSO014E CRECENTE ASOCIADOS
A proposta plantexa a definición dos enclaves axeitados para o desenvolvemento da Talasoterapia en Galicia, dentro dun marco planificado, respectuoso co medio ambiente, atento a posta en valor dos nosos recursos, singularizando a oferta de Galicia como Pais atlántico, e recuperando noso patrimonio cultural para conquerir un producto turístico diferenciado e xerador de riqueza e un desenvolvemento local sostible e perdurable.
Parte da base do recoñecemento do Turismo como primeira industria mundial, e das oportunidades de desenvolvemento que pode representar se leva acabo dun xeito ordenado, e compatible co entorno.
Dos inmensos recursos mariños de Galicia, hoxe desaproveitados, e da súa idoneidade para a creación de novos productos de calidade.
Os recursos paisaxísticos e naturais que encerran as nosas costas, e a necesidade de apostas estratéxicas que expliciten a súa posta en valor e unha nova lectura do desenvolvemento territorial.
A existencia dun rico patrimonio cultural: arquitectónico e de arquitectura industrial, hoxe esquecido e en claro risco de desaparición.
O sumatorio do entorno global e as novas demandas de turismo saludable, dos valiosos recursos da costa galega, en dun traballo científico multidisciplinar, lévanos a propoñer este proxecto: A TALASOTERAPIA COMO MOTOR DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE PARA GALICIA.
ANTECEDENTES E XUSTIFICACION
A auga do mar cos seus máis de 912.800.000 km3, e máis do 70% do total da auga do planeta, e un recurso global fundamental po-la súa cantidade, e po-la súa composición: Medio interno isotónico de todos os animais, incluído o home.O 70% dun ser humano e auga de mar, e foi empregada dende a antiguedade como medio terapéutico1, ata os nosos días. A suma da auga e o medio mariño, dan como resultado un entorno excepcional para o desenvolvemento da Talasoterapia.
Definimos Talasoterapia como a utilización terapéutica da auga de mar e o medio mariño, e por extensión o sector Turístico o conxunto de servizos asociados. A referencia normativa2, e a asociación francesa Mer et Santé que nos fala do emprego baixo vixiancia médica da auga e dos productos do mar, a unha temperatura entorno os 38º, nun entorno marítimo, e cos medios técnicos e persoais axeitados.
A auga de Mar é o medio mariño son especialmente importantes en Galicia, con máis de 1.700 kms de costa, e un complexo e rico territorio intermareal, xenerador de valiosos recursos naturais. Cunha paisaxe mariña maioritariamente ben conservada, con contornos pouco industrializados, e importantes mostras patrimoniais na franxa costeira, o “atraso” pódese convertir hoxe nunha fortaleza.
O sector turístico, que no último ano 2005 chegou os 808 millóns de chegadas, confírmase como a primeira industria mundial, con protagonismo europeo3. Dentro del, o Turismo Termal ou Turismo de Saúde está chamado a ser un dos productos con maior capacidade de desenvolvemento, con crecementos anuais do 20% en USA, e do 15% na UE4.
Galicia dispón dos recursos naturais necesarios, dos entornos axeitados, e dos recursos humáns e técnicos para converterse nun pais de referencia na Talasoterapia en Europa, dando un salto cualitativo no rendemento económico da actividade turística, e singularizando a súa oferta nun mercado cada día mais competitivo.
A talasoterapia convertiuse nos últimos anos no espolón de desenvolvemento e cualificación do novo Turismo de Saúde, desestacionalizando e desconcentrando a oferta, creando novos destinos nas costas “frías”, e recualificando destinos de praia esmorecentes, ou en decadencia.
En Francia nos anos 80 a Talaso atlántica deulle a volta o termalismo francés, incorporando novos productos e servizos, orientados o benestar, a novos públicos (mamá-bebé), e novas necesidades (anti-stress, no smoke). En Italia e Portugal está incorporada o Turismo de saúde, no primeiro caso nos programas financiados po-la sanidade estatal e os seguros médicos, e en Portugal como membro da asociación profesional. A Asociación Europea de Balnearios (ESPA) ten a varios Centros de Talasoterapia como membros, e no recente congreso de San Pedro do Sul 06, decidiuse impulsar unha comisión específica para o estudo e desenvolvemento da Talaso. A lexislación turística galega recoñécea asimilada cos productos balnearios, a espera dunha norma Galega.
Neste intre de pulo e desenvolvemento do sector turístico5, e especialmente do termal, cos recursos sobranceiros cos que conta Galicia, e coa presión abafante que se escomenza a dar sobor da franxa costeira, pensamos que é chegado o momento dunha análise rigurosa dos recursos litorais, das posibilidades do seu desenvolvemento sostíbel, e dunha nova visión.
Por elo propoñemos un Estudo Integral da Costa Galega, para o análise da implantación da Talasoterapia, de forma planificada, partindo dun recoñecemento territorial exhaustivo, do análise do sector turístico, da situación normativa, E todo elo sobre a base dun sistema de información xeográfico que nos permita definir ámbitos de idoneidade para a implantación de centros de Talasoterapia nas súas diversas modalidades, e a Creación dun Modelo Territorial Galego, para asentamento da Talasoterapia. A elo engadiríamos recomendacións normativas, e de cualificación dos Centros de Talasoterapia, así como as propostas necesarias para a integración no futuro Clúster da Auga, e no Instituto Termal e Galicia.
O proxecto afecta a varias áreas das propostas po-la Consellería de Innovacion: Recursos Naturais ( auga mariña), Tecnoloxías para a Innovación ( Ciencias da saúde, e Conservacion do Patrimonio), e Servizos os cidadáns, (Turismo), que é no marco no que presentamos o Proxecto.
Esta costa esta hoxe en primeiro plano do debate sobre as posibilidades de desenvolvemento sostíbel dos seus recursos, debate o que queremos aportar alternativas que xorden da posta en valor dos nosos recursos mariños, no marco da primeira industria global.
Nesta espazo destacan en primeiro lugar os valores naturais e medioambientais, con gran parte dela incorporada a rede Natura, que é unha figura de valoración que non de exclusión, e polo tanto podería admitir usos compatíbeis como os que se propoñen.
Pero a costa sobor da que estamos a traballar e tamén un territorio construído cheo de valores culturais e patrimoniais, materiais e inmateriais que e preciso coñecer e activar.
Como sustrato de traballo contamos cunha area poboada de diferentes testemuñas, da relación home medio, como son as conserveiras, salazóns, baleeiras, asteleiros, e peiraos, moitos deles con un alto valor patrimonial, e que están a ser abandoados, co risco de perda dun importante patrimonio marítimo.
Propoñer a rehabilitación e recuperación dalgúns destes espazos, como contedores deste uso, e un dos obxectivos concretos do estudo.
Mais non se trata de encher a costa galega de establecemento desta tipoloxía, senón de seleccionar as mellores ubicacións, que reúnan as mellores características, de recursos naturais, valores patrimoniais, paisaxe, servizos, e accesibilidade.
Para avaliar as diferentes ubicacións contamos coa ferramenta RULES (Rural use land exploration system) deseñada po-la profesora da Universidade de Santiago, Ines Sante, e colaboradora do proxecto, que permite realizar unha análise multipropósito.
Con esta idea estamos a traballar dende o ano 2006, nun proxecto que estímamos finalizar para o ano 2009, e que pretende definir unha aposta de futuro no manexo da nosa costa.
|