PET.OU.
Plan estratéxico de termalismo do concello de Ourense


PASADO

O plan estratéxico de termalismo do Concello de Ourense, PET.OU, recentemente aprobado coa unanimidade das forzas políticas que integran o Concello de Ourense, e un soño real.
O obxecto do Plan e o deseño dun novo modelo de cidade, a partires dos recursos termais do Concello, para conquerir unha mellor calidade de vida para os seus cidadáns, e un desenvolvemento sostíbel e viábel.

Propón a conservación deses recursos, a súa posta en valor con outros naturais e culturais asociados, a articulación destes, e dos servizos precisos, e a creación dunha “OURENSE cidade termal”, con presenza no mercado turístico, e asistencial, pero tamén o desenvolvemento de outros sectores asociados, outorgando a Ourense unha marca territorial diferenciadora.

Tres cousas hai en Ourense, que non hai en España, ao noso entender: AS BURGAS, FERVENDO, AUGA. Na única provincia galega sen mar, ista ten o mar dentro: o “WARMSEE”.

A cidade de Ourense é a única capital termal do estado español, no senso do seu caudal e temperatura que fixeron posíbel a orixe prerromana da cidade, o seu uso nos balnea romanos, os seus balnearios do s XIX e XX, ata a Chavasqueira, a ribeira termal e o proxecto de Outariz.

Pero non so son as orixes, Ourense e tamén, o grupo Caldaria, a feira Termatalia, a revista Thermaespa, o Mestreado universitario de Termalismo, e as diversas empresas da cidade como Subita, e Ibernisha, entre outras. A estes engadir un potente tecido téxtil, cheo de marcas de éxito que teñen moito que dicir en relación a este sector, ou o alimentario e de construcción tamén directamente relacionados.

Entorno a estes recursos e dinámicas empresariais, o proxecto de centro de interpretación das Burgas, o novo centro termal de Outariz, as actuacións do Plan de Dinamización Turística, o centro visitantes dos espazos naturais de Galicia, e outros proxectos relacionados confirman a vocación termal da cidade.

E nun tempo que esperamos breve, as futuras condicións de accesibilidade, principalmente co AVE como renovado medio de comunicación para o pretendido cliente termal, pero tamén a autoestrada en conexión con Santiago, entre outras vías, e as novas conexións dos aeroportos galegos, cambiarán o panorama da cidade.

PRESENTE

Entendemos por termalismo, un conxunto de sectores e actividades económicas que abranguen cando menos: o turismo, a cultura, a sanidade, a industria, a enerxía xeotérmica, a investigación, e os servizos asistenciais, entre outros, pero fundamentalmente unha escusa para repensar a cidade partindo das súas singularidades e fortalezas.

Creemos nun modelo no que a planificación sexa pública, e a xestión das instalacións recaia na iniciativa privada. Dende a visión pública é preciso fixar as regras de xogo, e realizar as inversións estruturantes en equipamentos e infraestructuras, que fagan posible a actuación empresarial.

Consideramos que o desenvolvemento do plan debe partir de ter como primeiro obxectivo os propios habitantes da cidade: calidade de vida, espazos e servizos públicos, saúde, emprego, medio ambiente, e sobor de todo involucrar as novas xeracións, buscando en definitiva, o sentimento dun novo modelo de cidade do que sentirse orgullosos.

3.000.000 de litros a mais de cincuenta graos o día, verquidos o río Miño cada día, debera ser unha cifra suficiente, para facer pensar no que estamos a perder, ou as máis de 50 “anomalías termais” que define o estudo dirixido polo profesor Pedro Araujo no termo municipal.

Falar de 2000 clientes potenciais o día, de perto de 1000 novos empregos directos, e do desenvolvemento doutros sectores como a xeotermia, a farmacia, a cosmética, as augas envasadas, o téxtil, a construcción, etc., ou a creación dun Centro de Investigación Termal, e o apoio a formación nas diversas áreas, daríanos unha estimación total de 5.000 empregos, sumando os indirectos estimados, que poidera conseguir a anceiada idea de animar a quedar, as novas xeracións, traballando nun sector de futuro.

Para iso e tamén imprescindíbel a conexión internacional. O Encontro de Cidades Termais, que celebramos dende 2003, coincidindo con Termatalia, busca a conexión con outras grandes cidades termais europeas, que traslademos a Bruselas a existencia dunha cultura termal europea, e da necesidade de apoiar economicamente a súa posta en valor como estratexia comunitaria.

Pero o termalismo no é un feito exclusivamente capitalino. A provincia e unha provincia termal, seguramente unha das primeiras de España, en canto a recursos, e ambas, cidade e provincia precisan traballar conxuntamente. O plan propón actuacións que fortalezan esa relación con actuacións concretas, en accesibilidade, productos, oferta e comercialización.

FUTURO

Estamos a falar dun plan a dez anos, cun presuposto de 169millóns de euros, en inversión pública directa, que precisa do compromiso de todos, especialmente das administracións do Estado e da Xunta, e subsidiariamente da unión Europea, que se deberían visualizar en primeiro lugar no Programa operativo Feder 2007/2013, e que se debería trasladar a xestión do Plan a través dun Consorcio.

O termalismo e para Ourense, o que os portos, as pontes, ou as fabricas doutras cidades, e debemos traballar trasladando cara o exterior da cidade a idea dun proxecto que propón a protección e valorización do patrimonio natural e cultural, un modelo económico en base a recursos endóxenos, e o desenvolvemento territorial integral sobre bases planificadas, pensado para os cidadáns.

Estamos convencidos que para que poida ser levado a cabo é preciso sentar as bases dun acordo de todas las forzas políticas, e de tódolos sectores sociais e económicos implicados, porque so dende o convencemento propio da cidade se poderá convencer as outras administracións de que aposten por este Plan.

Ourense conta con uns recursos naturais excepcionais, vencellados a auga termal que é necesario poñer en valor dacordo coa sua orixe, e dende un punto de vista sostible.
Promover un novo modelo de renovación urbán, que vaia máis aló do espazo público e privado e que entre de cheo, na razón de ser dunha cidade, e un obxectivo máis ambicioso, e po-lo tanto mais difícil de conquerir, pero con maior capacidade de transformación da cidade, porque será non só epidérmica, senón espiritual.

En Europa estamos a vivir cada vez máis, nun mercado de competencia entre areas urbáns, e por iso que Ourense debe afirmarse naquelo que a fai competitiva, diferente e atractiva para a nova sociedade, as novas demandas, e os novos mercados, capitalizando unha vasta área territorial termal, que seguramente chega a Portugal, e que alberga a cunca do Miño, dende Lugo, ata Chaves.

Para a elaboración deste Plan tivéronse reunións coa maioría dos axentes sociais, económicos e políticos da cidade, os que reiteramos noso agradecemento, que manifestaron seu apoio as ideas e obxectivos xerais, vontade de colaboración, e a urxencia dunha actuación deste tipo creadora dunha nova ilusión colectiva.

Co PET.OU, pensamos que os tempos son chegados para Ourense: AUGA AURIA, A AUGA E OURO.

Se así o sabemos ver, na base dun proxecto compartido, teremos moito gañado o futuro, e voltearemos real un soño.



   

 

Crecente Asociados.
Nardos 2 . 15008 . A Coruña.
T.(+034)981141282