trabajos

ESTUDO DE DETALLE DA ÁREA DE INTERVENCIÓN AI_10

O presente traballo foi encargado polo Concello de Ourense, en Febreiro de 2012, cara o inicio do desenvolvemento do Plan Especial de Protección do b.i.c. con categoría de sitio histórico do conxunto das fontes termais das Burgas e o seu contorno delimitado, no ámbito da AI 10 do antedito Plan especial, AR AS BURGAS.

O Estudo partiu do Plan Estratéxico de termalismo (PET.OU) aprobado polo Pleno do Concello e Ourense o 7 de setembro de 2007; da declaración de Capital termal de Galicia, polo  Parlamento de Galicia (Boletín do Parlamento, nº 556-16 maio 2008); da declaración de  BIC conxunto de fontes termais das Burgas e o seu contorno DECRETO 17/2007 e do Plan especial do BIC de Xaneiro 2011

O estudo de detalle ten moi en conta o papel deste ámbito no conxunto da cidade non só pola súa centralidade territorial, senón tamén polos seus valores históricos e especialmente os valores termais que fan desta área o corazón termal da cidade.

Foi precisa unha análise da complexa topografía e parcelario, resultado da grande diferenza de cota entre a rúa do Progreso e o río Barbaña; da evolución histórica da propiedade e a súa xestión; e do ámbito de implantación, a carón do río, co fin de elaborar un documento, que permita resolver espacialmente a integración da edificación, e comezar a formalizar un continuo termal a carón do río Barbaña.

Asemade, foi obxecto do traballo, formular unha hipótese de funcionamento do conxunto xerado polos diversos volumes que se propoñen, nunha lóxica termal, hoteleira e asistencial, para poder cumprir o obxectivo fundamental do PE, como é o de acadar o primeiro centro termal da cidade.

A superficie da Área de reparto segundo o Plan Especial AR-As Burgas é de 12.070 m2,  que permite unha superficie construíble máxima de aproveitamentos lucrativos de 14.000m2. O Estudo fai fincapé na recuperación dos baños orixinais do Outeiro, do camiño medieval, e do muro de peche da Cadea.

Realizamos este traballo en colaboración con Manuel Seoane Feijoo Arquitecto,  Celso Rodríguez Cao Arqueólogo, e Marta Rodríguez Vázquez Arquitecta, e a equipa de Crecente asociados. O Plan especial foi aprobado inicialmente por unanimidade do Pleno do Concello de Ourense o 14 de xaneiro de 2013.

O pleno do Concello de Ourense, na sesión ordinaria do día 7 de xuño do 2013, adoptou aprobar definitivamente o Estudo de Detalle da Área de Intervención AI 10, incluído no Plan Especial de Protección do BIC con categoría de sitio histórico do conxunto das fontes termais das Burgas e o seu contorno delimitado.

Volver al listado