Novas > Aprobación definitiva do Plan Especial de Protección das Catedrais

Aprobación definitiva do Plan Especial de Protección das Catedrais

O 9 de xuño aprobouse o Plan Especial de Protección das Catedrais,  promovido polo Concello de Ribadeo con carácter prioritario, como PE_1 do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal e redactado polo equipo formado por Mario Crecente y Asociados Consultores, GAU Arquitectura e Urbanismo e o Ibader.

A aprobación definitiva do Plan Especial é froito dun traballo de cinco anos, que incorpora as prescricións derivadas da Avaliación Ambiental Estratéxica e as determinacións dos informes previos solicitados a todas as administracións implicadas, entre elas a Deputación provincial de Lugo, a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF); así como as alegacións recibidas durante a exposición pública.

O obxectivo fundamental do Plan Especial é contribuír á preservación do patrimonio natural e cultural desta área protexida, sentando as bases para o desenvolvemento dun modelo turístico sostible, que teña en conta as necesidades de veciños e veciñas.  Entre as grandes novidades están a previsión dun centro de información e atención ao visitante e a ordenación da accesibilidade, cunha decidida aposta polo ferrocarril. Ao mesmo tempo, fíxanse as medidas necesarias para manter o uso tradicional do espazo agrario, coa convicción de que estas actividades son unha garantía para a conservación dos valores naturais.

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais