Proxectos > Avaliación e diagnose do estado actual do Camiño Inglés

Avaliación e diagnose do estado actual do Camiño Inglés

Ámbito de actuación: Camiño Inglés

Cliente: Deputación da Coruña

Temática: Consultaría. Camiño de Santiago.

Descrición:

Os cambios producidos nos últimos anos no trazado do Camiño Inglés e a súa xestión, levaron a Deputación de A Coruña a promover o traballo “Avaliación e Diagnose do Estado Actual do Camiño Inglés”, desenvolvido por Crecente Asociados entre outubro do 2018 e xaneiro do 2019.

Para a execución dos traballos tomouse como referencia o proxecto previo Accións de Mellora do Camiño Inglés, impulsado pola Deputación de A Coruña e a Axencia de Turismo de Galicia en 2014 e elaborado tamén por Crecente Asociados.

Actualizouse o informe do Estado Actual elaborado en 2014, para o que o noso equipo volveu a percorrer o Camiño Inglés, nas súas dúas variantes (a que comeza en Ferrol e a que comeza na Coruña), comprobando a vixencia das problemáticas e oportunidades detectadas naquela ocasión e engadindo outras novas.

Ademais, mantivéronse entrevistas con diversos axentes públicos e privados e organizouse unha mesa de participación á que se convidou a todas as entidades que asistiron ás mesas organizadas en 2014. O obxectivo era recompilar información sobre os cambios que apreciaron dende entón as persoas que día a día traballan e viven no Camiño.

Sobre a base destes traballos, expuxéronse unha serie de propostas de actuación, entre as que salientan as orientadas a resolver os problemas máis urxentes que presenta fisicamente o Camiño Inglés (cruces perigosos e núcleos) e as que se centran no reforzo de aqueles aspectos que singularizan a ruta, como é o caso da conexión marítima.

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais