Novas > Encontro San Martiño de Foz (España)- Veszprém (Hungría). Tralas pegadas de San Martiño

Encontro San Martiño de Foz (España)- Veszprém (Hungría). Tralas pegadas de San Martiño

O 20 de marzo, coincidindo coa festividade de San Martiño, celebrouse o encontro San Martiño de Foz (España) - Veszprém (Hungría), promovido pola Xunta de Galicia, a Diócese de Mondoñedo-Ferrol e o Concello de Foz e organizado por Crecente Asociados.

As catedrais de Veszprém e de San Martiño de Mondoñedo (Foz) comparten o feito de ser as primeiras catedrais dos seus respectivos países e de localizarse nun Finisterrae. A localidade de Veszprém conéctanos tamén coas orixes de San Martiño de Braga, figura relacionada coa expansión do monacato en Galicia e fundador do Bispado de Dumio, do que Bispado de Mondoñedo recolle a testemuña.

O acto tivo lugar na Basílica de San Martiño de Mondoñedo, e foi inaugurado por representantes das tres institucións promotoras. A continuación, tomaron a palabra os convidados da cidade de Veszprém: o director do Arquivo Arquidiocesano de Veszprém, Balázs Karlinszky; a directora da Oficina de Turismo, Beáta Bérczi; e a directora de marketing da Oficina de Turismo, Szilvia Görbicz; que fixeron unha presentación da cidade desde o punto de vista da sacralidade, a cultura e o turismo. Para pechar o acto, o historiador Anselmo López Carreira, fixo un percorrido pola biografía de San Martiño de Dumio e a súa pegada na historia de Galicia.

Compartimos imaxes e vídeos do encontro, así como da visitas ás tres Catedrais (Praia das Catedrais, Catedral de Mondoñedo e Catedral de San Martiño) que realizaron nese mesmo día os alumnos da Escola Universitaria de Turismo e do Master de Turismo da Coruña.

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais