Inicio das obras de conservación na capela de San Xiao do Monte, A Pastoriza (Lugo)
No pasado mes de abril deron comezo as obras de conservación da capela de San Xiao do Monte en A Pastoriza (Lugo), promovidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e desenvolvidas baixo a dirección de obra de Crecente Asociados.
O proxecto, redactado polo noso equipo en 2023, permitirá abordar os remates das fachadas, a resolución de problemas de entradas de auga, o tratamento de estruturas de madeira, as reparacións de fiestras e as substitucións de pavimentos. Ademais, desenvolveranse labores para evitar o deterioro do retablo e das esculturas e mellorarase a fonte situada xunto á capela, á que a tradición atribúe propiedades curativas.
Aproveitamos para informar de que o próximo martes 21 de maio celébrase a romaría de San Xián. Durante a xornada teñen lugar actos litúrxicos, a tradicional procesión e diversos rituais individuais entre os que salienta precisamente o vinculado á fonte exterior. Nas súas augas os devotos mollan panos cos que despois lavan aquelas partes do corpo afectadas por doenzas, deixándoos pendurados nas ramas das árbores que rodean a fonte. Segundo a crenza, a medida que os panos se van deteriorando, as enfermidades das persoas que realizaron o rito van desaparecendo.