Novas > "O carballo de Luxís" homenaxea ao Día da Árbore

"O carballo de Luxís" homenaxea ao Día da Árbore

Por iniciativa da Comisión Crecente Vega e co apoio do Concello de Castro de Rei, a editorial Espiral Maior publicou recentemente o libro “O mundo nun puño de remol (poesía póstuma)” do poeta Xosé Crecente Vega. Adiantándonos ao 21 de marzo, celebramos o Día da Árbore compartindo un dos poemas inéditos recollidos neste libro: “O carballo de Luxís”.

O CARBALLO DE LUXÍS

É un carballo avó, de centos de anos,

abrigo e honor da casa de Luxís.

É un dos millor feitos e máis sanos

e máis grandes que medran no país.

 

Non o abrazan tres homes. Unhas canas

largas e gordas coma troncos ten.

¡Ben se lle ve que enraizou con ganas

de chegar algún día a ser alguén!

 

Do sol non pode nin siquera un fío

romper aquela folla tan tupida.

Á súa sombra non se sinte o estío.

O seu frescor é un frescor de vida.

 

Está gardado a vella casa nobre,

o pazo de Luxís - que así se chama-.

Alí naceu e medra aínda e cobre

máis dun tego de terra coa súa rama.

 

Ás veces fala coma o que aloumiña,

cos seus miles de lenguas chachabellas.

Marmura, ben seguro, en voz baixiña,

vellos contos de mozas e de vellas.

 

Ou quizabes pola alma dos velliños

que se foron da casa, rezará...;

pola alma dos petrucios difuntiños

dos que el endexamais se esquencerá.

 

Outras veces semella un gran xigante

na voz que deixa oír, ronca e potente.

É coma un aristócrata: arrogante.

É coma un héroe mítico: impoñente.

 

Por eso toda a xente no camiño

se para a mirar pra el con reverencia.

É que gozan con velo, por cariño;

que lle teñen respeto, por concencia.

 

E sábese que cando se finou

o señor derradeiro do lugar,

falando do carballo, así falou:

"É o vello amigo desde vello Lar.

 

Segundo o respetaron vosos pais,

así quero tamén que o respetedes.

Non se lle corte cana endexamais.

Nunca esmoucado foi: non o esmouquedes".

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais