Novas > Q de Quián

Q de Quián

Q de Quián foi o lema empregado polo noso equipo para o Concurso de Ideas, con Intervención do xurado, para o Deseño do Centro de Promoción e Imaxe dos Produtos Agrícolas, Gandeiros e Forestais de Galicia, baixo a denominación “Galicia Calidade”, no predio de Sergude, no concello de Boqueixón.

A nosa proposta analizaba a situación do rural pre-COVID-19, desde unha perspectiva inspirada nos contidos da exposición comisariada por Rem Koolhaas “Countryside, The Future”. Investigouse no pasado da finca de Quián, para mostrala no futuro ao mundo, como espello do noso rural. Para elo analizáronse as necesidades, os usos e os ciclos de vida dentro do conxunto e cara o exterior.

A idea da economía circular, que leva no campo galego dende hai séculos, propiciou a nosa estratexia de Reutilizar-Rehabilitar-Reciclar, redondeada ca nova imaxe gráfica da finca e ca formalización dun anel elevado para facer un paseo panorámico. A proposta melloraba os edificios existentes e complementaba os usos e actividades con novas construcións integradas na parcela. Unha das pezas clave en canto a enerxía se refire era a denominada casa da Luz, corazón enerxético da finca que mesturaba enerxías limpas sobre os muros dunha antiga mini-central hidroeléctrica.    

Outro aspecto que cobrou moita relevancia no proxecto foi a organización agrogandeira da finca e os xardíns. Estudáronse os recorridos dos animais e tamén a rotación dos cultivos co fin de dar unha solución realista e harmónica, para empregar todos os recursos dispoñibles. Sen perder de vista ao visitante, para o que se recuperaban camiños co Pico Sacro como fondo escénico.

Estamos convencidos de que ese novo Sergude que propoñíamos representaría o espello do futuro do agro galego, que de seguro, se escribe con Q de Quián.        

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais