Ámbito de actuación: Santiago de Compostela
Cliente: Concello de Santiago de Compostela.
Temática: Planificación turística. Ordenación das cidades turísticas. Participación.
Descrición:
O 29 de setembro de 2016, Crecente Asociados organizou a xornada Santiago Turismo Ordenado (STO), promovida pola Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago de Compostela.
O encontro, celebrado no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns do Parque de Belvís, constituiu o punto de inicio para a revisión do Plan Estratéxico de Turismo 2009-2015, sentando as bases para unha actualización do mesmo, sostible, consensuada e acorde ás necesidades da poboación, do empresariado local e dos turistas.
No acto participaron tres expertos/as na xestión de retos que están presentes na dinámica turística de Santiago de Compostela. Jordi Torrella, Director de Turismo e Eventos da Área Economía, Empresa e Ocupación do Ajuntament de Barcelona, quen presentou o caso de Barcelona; Violeta Matas, Responsable de Turismo en Spain Convention Bureau e Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias, que nos falou do papel das cidades como puntos de encontro; e Jordi Ficapal, Director do Observatorio de Turismo Responsable na Facultad de Turismo y Dirección Hotelera Sant Ignasi, que abordou a cuestión da relación entre cidadáns e turistas.
Na xornada estiveron presentes arredor de 40 persoas representantes do sector turístico local (aloxamentos turísticos, restauración, transporte, organización de eventos, intermediación turística, comunicadores, planificadores,…) así como da veciñanza, doutros sectores económicos, da administración nas súas diversas escalas, e da Catedral.
Tras a xornada lanozuse a web santiagoturismoordenado.gal na que podedes consultar mais información sobre STO e descargar as presentacións dos 3 poñentes e un resumo do diagnóstico turístico da cidade de Santiago de Compostela.