Anteproxecto do Gran Hotel Balneario Auria
Por encargo da Deputación de Ourense, Crecente Asociados elaborou o anteproxecto arquitectónico que estuda a viabilidade da transformación do Pazo Provincial no gran establecemento termal da provincia: o Gran Hotel Balneario Auria. Recupérase así unha idea impulsada pola Xeración Nós, propoñendo un espazo que se converta no gran salón da cidade.
O edificio do Pazo Provincial, concibido como fábrica de fiaduras e hoxe sede da Deputación de Ourense, ten visto cambiar o seu uso ao longo do tempo para responder ás necesidades de cada momento. O proxecto desenvolve a posibilidade de transformar o edificio actual nun hotel balneario, aproveitando a súa formalización claustral. O resultado é un establecemento hoteleiro de 5 estrelas, con distintas opcións de distribución, que van de 52 a 71 habitacións, e que completa as súas instalacións con 1.400 m2 de balneario e 1.086 m2 para hostalaría e restauración.
O anteproxecto presentouse no patio sur de Pazo Provincial, onde se atopa a sondaxe das augas termais, o pasado 10 de novembro. Compartimos as imaxes do acto e do anteproxecto, así como o vídeo que recrea a proposta, elaborado por Marcos Reguera.