Coordinación da candidatura da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial
Por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Crecente Asociados está a levar a cabo a coordinación da candidatura da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial, comprendendo todas as actividades necesarias para a presentación inicial da documentación completa ante a UNESCO.
As bases do novo expediente, apoiadas nas conclusións do Encontro Internacional de expertos Waterscapes e na Declaración da Ribeira Sacra sobre Paisaxes Culturais da Auga, susténtanse na auga como fío condutor da construción e evolución da paisaxe. A delimitación do ben proposto vese beneficiada da protección que lle confire o decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra.
O pasado 9 de Marzo celebrouse na Casa Grande de Rosende (Sober) unha xornada orientada á participación veciñal no relanzamento da candidatura e que, coordinada por Xosé Gago, contou coas intervencións de Cipriano Marín e Mario Crecente. Cipriano Marín, por medios telemáticos, compartiu cos asistentes as ideas estruturantes da proposta de Valor Universal Excepcional, mentres que Mario Crecente repasou os traballos desenvolvidos desde 2016 e deu conta dos próximos fitos e calendario.