Declaración de Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural
Crecente Asociados colaborou en 2017 e 2018 na elaboración da documentación que serviu como base para a incoación como Ben de Interese Cultural de Ribeira Sacra, promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
A área delimitada encádrase na figura de paisaxe cultural, categoría incorporada pola Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia ás previamente existentes. A proposta de delimitación partiu da recompilación e análise de distintos traballos previos desenvolvidos desde os anos 90 a iniciativa de diversas entidades, complementados cun profundo estudo multidisciplinar e con reunións temáticas e abertas. O resultado foi unha declaración que recoñece o máximo valor cultural para unha extensión de 180 km² cun réxime de protección específico.
A delimitación da paisaxe cultural foi aprobada por DECRETO 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Esta figura inclúe un ámbito territorial cuxo límite se corresponde ao norte co canón do Miño, limitado pola presa de Belesar; ao sueste co canón do Sil, limitado polas parroquias de Vilachá na Pobra do Brollón e Torbeo en Ribas de Sil; e ao suroeste na parroquia de Os Peares, onde se produce a conxunción de dúas provincias, catro concellos e dos ríos Miño e Sil. O texto da declaración e a planimetría correspondente están dispoñibles nesta ligazón.