Plan Especial de Protección de As Catedrais
O equipo formado por Crecente Asociados, Gau Urbanismo e Arquitectura e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), ven de presentar ante o Concello de Ribadeo o documento para aprobación inicial do Plan Especial das Catedrais, PE_1, do plan xeral de ordenación urbana municipal, que ten por obxecto contribuir á preservación do patrimonio natural e cultural desta área protexida de singular valor paisaxístico e natural.
Este documento incorpora todas as conclusións e observacións derivadas da avaliación ambiental estratéxica á que foi sometido, así como as prescricións dos informes solicitados a diversos organismos afectados, conforme aos artigos 185 e 186 do Regulamento da Lei do solo de Galicia.
Nas próximas semanas o Plan Especial elevarase ao Pleno Municipal para a súa aprobación inicial, tras a cal dará inicio un periodo de exposición pública, xunto á solicitude de informes sectoriais preceptivos, que conducirán o Plan á súa aprobación provisional. Posteriormente, tras ser remitido ao órgano competente en materia de urbanismo da Xunta de Galicia, terá lugar á aprobación definitiva por parte do Concello de Ribadeo.