Novas > Aprobación no Consello do Patrimonio Histórico da candidatura de Ribeira Sacra á lista do Patrimonio Mundial

Aprobación no Consello do Patrimonio Histórico da candidatura de Ribeira Sacra á lista do Patrimonio Mundial

Trala positiva valoración na reunión do Grupo de Traballo sobre Patrimonio Mundial do 20 de marzo, a 94ª sesión do Consello do Patrimonio Histórico Español, celebrada os días 4 e 5 de abril na illa da Palma, aprobou por unanimidade a Paisaxe Cultural da Auga de Ribeira Sacra como próxima candidatura de España á Lista do Patrimonio Mundial. Unha gran noticia tras o intenso traballo de reformulación, fortalecemento e mellora do valor universal excepcional do territorio que seguiu ao aprazamento estratéxico da candidatura no ano 2021.

En liña coas conclusións do Encontro Internacional Waterscapes, celebrado en Ribeira Sacra no outono de 2023, a nova candidatura pon a énfase no papel da auga como fío condutor da construción e evolución da paisaxe. A proposta presentarase ante a UNESCO en febreiro de 2025 e a súa inclusión será discutida na sesión do Comité do Patrimonio Mundial de 2026.

Ábrese agora unha nova fase de traballo na que, ao longo do ano, o equipo técnico redactor, liderado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e coordinado por Mario Crecente, deberá, en colaboración co Ministerio de Cultura, completar o expediente de acordo ás Directrices Prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO.

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais