Novas > Entrega do Plan Director do Parque do Pasatempo

Entrega do Plan Director do Parque do Pasatempo

O pasado mes de outubro Crecente Asociados entregou o documento resultante da redacción do plan director do Parque do Pasatempo (Betanzos), desenvolto por encargo da Consellería de Cultura. A súa execución, froito dun traballo de 15 meses, foi posible grazas ao labor conxunto dun equipo multidisciplinar formado por 18 especialistas, dos campos da arquitectura, a historia, a enxeñería hidráulica, a restauración, a arqueoloxía, a botánica, a paisaxe, a xeomática, o turismo e a informática.

Tras reunir todo o coñecemento dispoñible sobre o Parque, a través dun intenso proceso de investigación, inventario e análise de patoloxías, apoiado en probas para o estudo dos materiais e os sistemas construtivos, o Plan Director define o estado actual do monumento e desenvolve propostas para o seu mantemento, conservación, posta en valor e uso.  O programa de intervención, cun calendario a 15 anos, estrutúrase en 5 liñas de acción: restauración e recuperación, accesos e accesibilidade, xardinería e paisaxe, instalacións e equipamento social, cultural e turístico.

Ábrese un novo horizonte para o Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural en 2020, e que recentemente obtivo un investimento de 1,5 millóns de euros, que se empregarán para o desenvolvemento dalgunhas das actuacións do Plan Director, dentro das achegas do Plan Xacobeo Next Generation.

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais