Novas > ESTUDO DE DETALLE AI_10 AS BURGAS (Ourense)

Planificación

ESTUDO DE DETALLE AI_10 AS BURGAS (Ourense)

O presente traballo foi encargado polo Concello de Ourense, en Febreiro de 2012, cara o inicio do desenvolvemento do Plan Especial de Protección do b.i.c. con categoría de sitio histórico do conxunto das fontes termais das burgas e o seu contorno delimitado, no ámbito da AI 10 do antedito Plan especial, AR AS BURGAS.

O estudo de detalle ten moi en conta o papel deste ámbito no conxunto da cidade non só pola súa centralidade territorial, senón tamén polos seus valores históricos e especialmente os valores termais que fan desta área o corazón termal da cidade.

Foi precisa unha análise da complexa topografía e parcelario, resultado da grande diferenza de cota entre a rúa do Progreso e o río Barbaña; da evolución histórica da propiedade e a súa xestión; e do ámbito de implantación, a carón do río, co fin de elaborar un documento, que permita resolver espacialmente a integración da edificación, e comezar a formalizar un continuo termal a carón do río Barbaña.

Asemade, foi obxecto do traballo, formular unha hipótese de funcionamento do conxunto xerado polos diversos volumes que se propoñen, nunha lóxica termal, hoteleira e asistencial, para poder cumprir o obxectivo fundamental do PE, como é o de acadar o primeiro centro termal da cidade.

Realizamos este traballo en colaboración con Manuel Seoane Feijoo Arquitecto,  Celso Rodríguez Cao Arqueólogo, e Marta Rodríguez Vázquez Arquitecta, e a equipa de Crecente asociados. O Plan especial foi aprobado inicialmente por unanimidade do Pleno do Concello de Ourense o 14 de xaneiro de 2013. 

 

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Notas legais