Exposición Auga Doce
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá a partir do 21 de marzo a exposición “Auga Doce”, que rende unha homenaxe á estreita relación entre Galicia e as súas augas. A través de pezas de diversa natureza distribuídas nas catro plantas do Museo convídase ao visitante a facer un percorrido pola arte, as industrias, a ciencia e a tecnoloxía baseadas nos recursos hídricos.
Crecente Asociados contribúe a esta iniciativa mediante a cesión de 17 pezas. Entre o material aportado atópanse botellas de comezos do século XX producidas nas principais plantas de envasado de Galicia, unha caixa de xabóns da Toxa e libros e outros documentos históricos sobre Turismo Termal.
Ademais, o catálogo da exposición inclúe o texto “Paisaxes de auga: Doce paisaxes doces”, redactado por Mario Crecente, no que presenta unha reflexión sobre o papel da auga na construción das paisaxes de Galicia, referencia das paisaxes da auga do mundo.